20/11/2009

Documentos e textos legais

Ligazón a algúns dos documentos e textos legais arredor da lingua

http://prolinguagalega.org/documentos/

O Tribunal Supremo: os pais non poden escoller a lingua de escolarización dos seus fillos

(Este artigo foi publicado na web de Prolingua. Para accederes ao texto íntegro da sentenza preme na seguinte ligazón http://prolinguagalega.org/)

A noticia que publicaron hoxe 17 de Novembro os xornais Faro de Vigo e La Opinión da Coruña, na que se informa dunha sentenza que rexeita que os pais poidan escoller a lingua de escolarización dos seus fillos, é un motivo de satisfacción para ProLingua e para todas aquelas persoas que valoran especialmente a xustiza e a liberdade.
Os datos máis significativos da noticia poden lerse no texto que reproducimos aquí. Aínda que a sentenza á que se refire sexa moi relevante, polo momento en que se fai pública, en realidade non di nada novo, pois hai numerosas sentenzas, tanto do Tribunal Supremo como do Tribunal Constitucional que inciden nos mesmos razoamentos e principios que a que hoxe comentamos.
En Galicia, levamos máis dun ano asistindo á difusión reiterada de diversas mentiras relacionadas coa lingua propia do noso país. Deste xeito, tivemos que asistir con abraio á ruptura do consenso que significara o Plan Xeral de Normalización da Lingua (PXNL). Un documento elaborado por un amplo número de representantes dos diferentes ámbitos profesionais e, tras ser revisado por parte das forzas políticas, aprobado por unanimidade do Parlamento Galego en setembro do 2004. Non está de máis lembrar que o Goberno que impulsou e guiou o proceso estaba presidido por Fraga Iribarne, e o seu vicepresidente era Núñez Feijoo.
E, con máis abraio aínda, tivemos que asistir á fervenza de declaracións e artigos de opinión (difundidos amplamente polos poderes económicos e mediáticos) que pretendían facernos ver o mundo do revés: “la imposición del gallego”, “el derecho de los padres a la elección de lengua en la educación”, “el ataque a la libertad de los castellanohablantes”, “el castellano está discriminado” e outras arteiras falacias que aínda hoxe se seguen a escoitar.
O abraio converteuse en indignación cando comprobamos como o PP, rompendo todos os consensos, lle daba o seu apoio a estas mentiras. E como, tras vencer nas eleccións de marzo, comezaba desde a Xunta un intenso programa de ataques contra a lingua galega e as manifestacións culturais que se vehiculan a través dela. No caso do ensino, as reiteradas declaracións da Consellería contra o galego e a pouco rigorosa consulta ás familias foron os feitos máis relevantes.Aínda que o peor foi volver a consagrar o incumprimento do lexislado, como xa se observa nestes meses que levamos de curso.
Desde ProLingua, que naceu como reacción a estes insólitos ataques de un Goberno que, estatutariamente, ten a obriga de defender a lingua e a cultura de Galicia, lembramos unha vez máis o evidente:
- No ámbito da educación, son as institucións democráticas (estatais e autonómicas) as que deciden a estrutura do sistema educativo, os obxectivos que se queren conseguir, os currículos das diversas materias, a temporalidade, a formación esixida ao profesorado, os sistemas de avaliación, a lingua ou linguas de docencia…
- No ámbito lingüístico, un dos obxectivos esenciais do noso sistema educativo é conseguir que os alumnos e as alumnas acaden unha boa competencia nas dúas linguas oficiais, independentemente de cal sexa a súa lingua familiar.
- O anterior é esencial para podermos falar de liberdade lingüística. Se non se quere que haxa cidadáns de primeira e de segunda, teñen que crearse as condicións para que se poida vivir en galego coa mesma normalidade que o pode facer unha persoa castelán falante.
- Para iso é imprescindible que a poboación sexa competente nas dúas linguas oficiais, para que logo cadaquén poida decidir libremente se usa unha ou outra nos diferentes ámbitos e situacións. É dicir, a dobre competencia é imprescindible para garantir a liberdade lingüística. Unha dobre competencia que xa cumprimos todos os cidadáns que temos como lingua de instalación o galego. Pois non se debe esquecer que a oposición entre castelán falantes e galego falantes é, en boa medida, unha falsidade. En todo caso, a oposición será entre os que temos competencia bilingüe e os que se encastelan no mantemento da competencia monolingüe vivindo nun país con dúas linguas oficiais.
- Para garantir que todo o alumnado remate os estudos cunha boa competencia nas dúas linguas precísase unha planificación lingüística que garanta a súa consecución. Esa planificación pasa pola utilización maioritaria como vehicular da lingua máis desfavorecida socialmente, como xa se indicaba no PXNL. Cómpre lembrar que o propio Tribunal Constitucional avalou como lexítimo “un trato desigual, que non discriminatorio, para as dúas linguas oficiais en función do carácter propio dunha delas que fai preciso unha acción normalizadora que debe, necesariamente, implicar accións de apoio singularizado”. E isto, en vez de ir contra a liberdade lingüística, é, precisamente, unha actuación imprescindible para garantir esa liberdade.
- Por todo isto, celebramos que as ideas segregadoras e negacionistas veñan de ser rexeitadas polo Tribunal Supremo. E desexamos que o actual Goberno tome boa nota e comprenda que para que non haxa cidadáns de primeira e de segunda en función da lingua que falen, son precisas as políticas lingüísticas que tenten corrixir as desigualdades existentes e garantan o dereito constitucional a empregar con normalidade a lingua habitual (sexa o galego ou o castelán) en calquera ámbito da vida diaria.

15/11/2009

Celebracións do Outono: Samaín e Magosto




O pasado venres 13 (que data máis acaída para celebrarmos o Samaín!) todas as escolas do noso CRA xuntámonos para festexar o Samaín e máis o Magosto. A festa comezou enfeitando o local da escola de San Cristovo para a ocasión coas grilandas, as cabazas feitas polo alumnado e a exposición dos traballos manuais feitos a base de castañas e landras. Elaboramos un "castañón" que os rapaces pintaron e encheron con papeis de xornais. A idea era queimalo fóra, mais o tempo non o permitiu. Logo, houbo obradoiro de maquillaxe de Samaín e obra de teatro a cargo dos mestres/as para escorrentar os medos. Para recuperarnos das emocións da obra de teatro, a bruxa "Curuxa" fíxonos unha beberaxe reconstituínte que non todos foron quen de probar. Houbo degustación de manxares do Samaín e as castañas do Magosto. Logo, xa con máis folgos, rematamos a festa cantando e bailando a ritmo de acordeón, pandeireta e cunchas.

Iª Asemblea Xeral da CGENDL


Iª ASEMBLEA XERAL DA CGENDL:
A CGENDL AFIRMA QUE NON TERÁ NIN MEDO NIN PREGUIZA PARA TRABALLAR NA NORMALIZACIÓN DA LINGUA GALEGA

O sábado 7 de novembro, un cento de representantes dos Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de centros escolares públicos e privados chegados de toda Galicia reuníronse na Iª Asemblea da Coordinadora Galega de ENDL.
No transcurso da Asemblea aprobáronse os principios que rexerán este colectivo, así como o seu plano de traballo anual, que incluirá unha campaña de sensibilización dirixida á comunidade escolar, programas de intercambio entre estudantes, fomento do galego nas novas tecnoloxías, entre outras actividades que os ENDL realizarán a pesar do recortes dos apoios institucionais.
Así mesmo, aprobouse o organigrama da CGENDL e escolleuse por unanimidade o seu Consello Directivo para os próximos dous anos. Na clausura do acto, Valentina Formoso, que resultou elixida Coordinadora Xeral, repasou a traxectoria do colectivo dende o seu nacemento e marcou as liñas de actuación para o futuro inmediato. Neste sentido, anunciou a vontade da Coordinadora de non ter “nin medo nin preguiza para traballar na normalización da lingua galega”.